A deputada de Turismo Nava Castro presentou en Patrimonio un estudio previo para que a Dirección Xeral poida analizar a característica orixinal recoñecible do Camiño que esixe para ser declarado Vía Cultural
A deputada de Turismo Nava Castro, xunto á alcaldesa de Salvaterra, un dos seis concellos polos que atravesa a ruta cara Compostela ademais de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Pazos de Borbén, Ponteareas e Ponte Caldelas, presentou en Patrimonio un estudo previo para que a Dirección Xeral poida analizar a característica orixinal recoñecible do Camiño que esixe para ser declarado Vía Cultural.
Xunto ao estudo previo a deputada provincial tamén entregou en Patrimonio copia dos acordos plenarios aprobados nos seis concellos da provincia polos que atravesa o Camiño de Taverneiro coa proposta para incoar o expediente para a declaración da ruta como Vía Cultural. “Existe –asegurou a deputada- unha proposta conxunta de seis concellos para obter esta distinción e impulsar, deste xeito, a promoción e divulgación dunha ruta que ofrece un patrimonio cultural, relixioso e cultural moi amplo ao longo dos seus 130 quilómetros”. Castro engadiu que “traballar unidos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito así que agardamos que este roteiro, cuxo trazado é froito de moita investigación e documentación, consiga ser declarado Vía Cultural e poidamos seguir avanzando no posicionamento da provincia de Pontevedra como destino de referencia en torno aos Camiños a Santiago”.
A partir de agora, Patrimonio analizará a documentación para estudar a característica turística e cultural orixinal e recoñecible da ruta e iniciar, así, o procedemento para a súa declaración como Vía Cultural. “O Camiño de Taverneiro –asegurou Nava Castro- cumpre á perfección todas as condicións para obter a declaración de Vía Cultural, ao contar con 30 igrexas, 14 petos de ánimas, numerosos cruceiros e una ampla lista de contornas culturais e naturais ao longo do seu percorrido”.
A ruta debe o seu nome a Ignacio Taverneiro, un peregrino veciño de Ponte Caldelas, que faleceu en 1784 na Estrada despois de realizar o percorrido. Conta con 5 etapas entre Salvaterra e Compostela, cun total de 130 quilómetros e nos últimos dous anos foi percorrido por máis de 200 persoas, tanto a pé como a cabalo e en bicicleta.